miércoles 23 de julio de 2008
Fin de campaña · Ata á vista
Parece que os asuntos administrativos toman unha cor distinta despois do compromiso de case todos, e finalmente poderemos finiquitar a tempada podendo mirar á cara a todo o mundo. Creo que este é un motivo de ledicia maior que unha vitoria, se ao final todo o mundo cumpre o CBLK acabará desaparecendo como un club exitoso. Exitoso por ser un club formado por amigos, todos rapaces moi novos, que puideron xestionar todos os ámbitos propios dun club, dende o deportivo ao financeiro sen máis problemas dos debidos.
Agardo que así sexa, moita sorte a todos en todas as aventuras que emprendades.
jueves 13 de marzo de 2008
Rematando a tempada
Pendente queda contarvos que tal van os cruces e, por outra banda que alguén se atreva a facer un resumo da tempada (se tendes o que hai que ter...)
Saúdos aos incondicionais...
lunes 11 de febrero de 2008
Seijas, un exemplo
Ben, indo ao gran, no noso pequeno baloncesto hai tres tipos de árbitros. 1) os bos árbitros, correctos tecnicamente, observadores, en plena forma, e con dotes máis que sobradas para levar o mando de calquera partido. Sei que hai moitos deste tipo, así que todos os que queiran poderán verse reflectidos neste grupo. 2) uns poucos, moi poucos, pertencen ao xénero alto, a estirpe dos que din que fan, a nación do crer que son. 3) por último está Seijas. Normalmente o primeiro dos grupos respecta ao 3º (Seijas) e soporta ao segundo dos grupos por necesidade . O segundo dos grupos despreza ao primeiro grupo por ocupar unha posición que eles desexan, e a Seijas por ser un personaxe peculiar co que non se queren ver relacionados. Seijas en cambio, ao seu modo, respecta e quere a todos. Por que? Porque Seijas é, ante todo un bo tipo, unha persoa afable que é consciente das súas limitacións, e que, ao asumilas, fai que todos o vexamos dun xeito distinto.
Gústame pensar no ben que arbitra nos partidos de minibásquet, con el cúmprese o dito de que o árbitro é o noso amigo e, nos máis pequenos, nótase abondo. Sabe ben tamén cales son as formas de apaciguar a xogadores adolescentes, que dicir para que o respecten, e calquera xogador senior protestará o xusto ante os defectos deste carismático colexiado. E gústame pensar isto cando me atopo cos poucos colexiados do segundo grupo, que mesmo se atreven a presumir de non parecerse ao meu (xa o considero amigo, aínda que hai tempo que non o vexo) amigo Seijas. Eu a verdade, e que prefiro presumir de que me gusta a súa honestidade, que comprendo que non é un árbitro de elite, que o respecto máis que a moitos outros.
Grazas por todo
martes 5 de febrero de 2008
Camiño do absurdo
Cando chegamos o sábado atopámonos con que media hora antes do comezo do noso partido iniciaba un encontro da Liga Recreativa Vigo en Xogo (por un erro do responsable das pistas do colexio), co cal o noso partido se debería retrasar polo menos 45 minutos. Malia todo, de común acordo os dous equipos decidiron asumir o tempo de agarda, desexosos de continuar coa competición.
Finalmente o equipo arbitral tomou a decisión de non agardar ese tempo e dar o partido por suspendido. O resultado final consiste en que agora podemos ser sancionados coa perda do partido, o que sería neste caso unha inxustiza, xa que quedou patente o interese por xogar o partido, tanto pola nosa parte como polo CBO.
Proximamente darémosvos máis novas de en que queda todo este embrollo.
miércoles 23 de enero de 2008
Enquisa número 4
O motivo da enquisa é o de valorar a posibilidade de iniciar colaboracións neste sentido de todos os que compoñemos o CBLK. Como regras para as colaboracións debería só impoñerse o respecto total (non se trata nesta páxina de realizar un foro onde desafogar) e certa corrección en materia de lingua.
Votade e deixade as vosas opinións!
jueves 3 de enero de 2008
Enquisa número 3: A copa
Nesta terceira enquisa queremos pulsar a opinión tanto de xogadores como o noso pequeno grupo de seguidores sobre a conveniencia, ou non, de xogar esta competición.
martes 1 de enero de 2008
Feliz ano 2008
Felicidades a todos, os actuais xogadores e achegados (esa xentiña que vai aos partido ou segue este modesto blog) así como os da tempada pasada. Para todos, feliz 2008.
sábado 22 de diciembre de 2007
Os seis irreductibles de Tui... foron reducidos
Seis xogadores para afrontar un partido difícil, no que se debían mellorar moitas cousas, co que o principal obxectivo foi o de poder rematar un partido que de seguro se nos faría moi longo. A primeira parte do partido foi excepcional, movéndonos en diferenzas mínimas no marcador, con oficio á hora de sacar o balón e cunha anotación bastante alta para o que estamos acostumados. A partir do terceiro cuarto, a falta de alternativas no banco que permitisen cambiar o estilo de xogo e, sobre todo, que renovasen fisicamente ao equipo fixeron ir cedendo terreo, para unha diferenza final abultada pero que non deixou un sabor amrgue, grazas ás boas sensacións que se deron sobre a pista.
Xogador por xogador
Borja Cuervo: Coas precipitacións habituais, e apantasma do cansazo e das faltas rondando por riba súa, soubo escoller opcións acertadas en moitas xogadas.
Alberto: Moi acertado nas penetracións, fixo un gran partido, especialmente en ataque, onde malia as porcentaxes de tiro, creou moitos espazos e protagonizou un bo numero de asistencias.
Miguel Caruncho: Fixo un derroche de esforzo, xogou moitísimos minutos ao 150% na defensa, onde loitou e loitou contra pívots, aleiros e bases rivais.
Dani Carrera: Mellorando, segue a precisar máis forza e decisión, malia ter un lixeiro constipado defendeuse decentemente sobre a pista.
Dani Pérez: Clave na anotación e no apoio á saída do balón, a defensa segue a ser o seu punto feble, preocupado máis pola satisfacción dun tapón que polo orgullo de secar de balóns aos homes interiores.
Raul: Moi ben en todo o partido, actuando de escolta cunha anotación moi interesante. En defensa: a quen lle gusta defender nótaselle.
O equipo rival: un rival do noso nivel que na primeira parte non conseguiu irse no marcador, cousa que só conseguiu a medida que o cansazo foi unha constante. Moi de destacar o labor do seu base (nº5) que fixo un gran partido tanto en ataque como en defensa.
O equipo arbitral: Joaquina & Company, unha arbitraxe moi correcta, xusta cos dous equipos e dialogante.
O adestrador: sen moita voz e con pouco traballo hoxe, as cousas foron dándose soas.
jueves 20 de diciembre de 2007
1ª Enquisa pechada
En canto ao resultado desta, parace que hai unha clara división de opinións, por unha banda Duni e Borja parecen ser case por igual os mellores substitutos para a posición de 1 en ausencia do noso único base natural. E, na outra banda, Raul e Adrián empatan a 5 votos. Conclusións poucas, especialmente logo da inoperancia ofensiva do derradeiro partido.
Xa está aberta a segunda enquisa, neste caso podedes facer seleccións múltiples (é dicir escoller varias respostas) para dar a vosa opinión sobre as posibles solucións aos problemas e grandes defectos que, por momentos, aparecen no noso xogo.
O encontro coa realidade
Crónica enviada por David (Remastered by danilo)
Supúñase que este ía ser o partido do rexurdir do equipo, que esta 2º volta íamos comer o mundo, pero para o único q serviu é para que nos demos de conta de todas as carencias q arrastramos que sumadas ás lesións e algunha ausencia por exames derivaron no peor partido da tempada.
Poucos se salvan da queima. Nin nós, nin o equipo visitante, nin os árbitros se salvan da debacle en que se convertiu este ultimo partido.
Xogador por Xogador
Dani Carrera: desacertado como o resto do equipo. Ten que aprender a usar a súa altura, perder o medo eactuar con maior decisión tanto en ataque como en defensa. Se volve a xogar como fixo na pretempada, con empuxe e sabendo cales son as súas mellores calidades vai ser de moita axuda.
Dani Pérez: Como de costume veuse amplamente superado en defensa, a súa gran lagoa. E dá igual a achega ofensiva que tivo se a dos xogadores aos que el defende dobra a súa.
Jaime: Un dos poucos que se salva do partido. Segue cun tremendo gafe en ataque pero foi un gran valuarte defensivo para o equipo. En ataque soubo suplir a escasa puntería dos pivots.
Borja: Coma sempre as faltas, as súas tres faltas en 4 minutos foi un dos factores que cambiou o curso do partido a parte diso soubo facer cumprir coa súa función, aínda que por momentos estivo moi espeso como o resto dos seus compañeiros.
Lizarralde: Faille falta un pouco de sentido común ás veces. As ganas por facelo ben, por tirar do equipo, fan que se precipite e que inicie xogadas individuais precipitadas, o que acaba por descentrar máis aínda ao equipo.
Raúl: Fisicamente é o que máis en forma está de todo o equipo polo que puido aguantar os 40 minutos pero definitivamente xoga obcecado e en canto ten un par de erros empeza a írselle a pinza, pero dentro da bacanal de despropósitos que foi o partido cumpriu.
Alberto: Xunto con Jaime o único que xogou con sentido común. Foi a referencia en ataque, aínda que desacertado nos tiros. O partido que lle entren será unha vitoria.
Adrián: o día que aprenda a botar coa esquerda e non dea pases precipitados empezará a ter máis protagonismo, mellora respecto aos primeiros partidos, especialmente polo interese en defender ata onde pode, pero non chega, ten que ter tranquilidade en ataque.
O equipo rival: Igual de mal que nós. A proba é que houbo momentos nos que estivemos a piques de alcanzalos no marcador
O equipo arbitral: O paritdo, hai que recoñecelo, foi dun nivel pésimo, peor que calquera partido de categoría recreativa, polo que da arbitraxe non podemos pedir máis que acabase contaxiada.
O adestrador: Ausente
viernes 14 de diciembre de 2007
Novidades arredor do blog
25 días despois da inauguración deste blog onte sobrepasamos as trescentas visitas, concretamente 301, este dato, que en principio non debería ser moi espectacular, é realmente satisfactorio, especialmente ao ter en conta que o noso Club conta na actualidade con 14 deportistas (incluíndo a ahiker e ao adestrador) e no seu segundo ano de existencia.Ata onte mesmo todas estas visitas viñeran de territorio estatal, en concreto das seguintes localidades:
Vigo: 222 visitas
Madrid: 45 visitas
Pontevedra: 10 visitas
A Coruña: 10 visitas
Las Rozas: 6 visitas
Santiago de Compostela: 5 visitas
Ourense: 1 visita
Ripollet: 1 visita
Pero onte mesmo chegounos a nosa primeira visita internacional, xa que alguén observou o noso espazo dende a cidade de Santo Domingo de Costa Rica... benvido.
Sen dúbida, esta acollida dá proba das ganas que este equipo ten por facer grupo, por disfrutar do deporte, e por ver a evolución do seu traballo.
lunes 3 de diciembre de 2007
A demostrar!
Un lastre que estamos levando esta tempada son as sucesivas lesións e problemas de saúde que están a mermarnos continuamente. Unha fin de semana sen xornada pode ser un bo momento para ir recuperando efectivos, que, unidos á notable mellora no xogo dos que están de seguro que plantaremos cara e se nos dará un bo partido contra San José B.
Ánimo a todos, moito traballo e a demostrar!
domingo 2 de diciembre de 2007
Un partido difícil
As baixas non so afectaron en número, xa que a maior parte delas afectaban a xogadores moi importantes para a dirección e condución do balón sobre a pista. O equipo A do San José soubo aplicarse na súa defensa para sacar proveito deste noso déficit que foi máis pronunciado onte.
Malia todo foi un bo partido, os momentos en que o equipo conseguiu xogar con calma demostrou que o nivel individual dos xogadores está moi por riba dos resultados acadados. Plantouse cara na primeira parte ofrecéndonos como un rival sólido, na segunda parte unha desconcertante expulsión directa, os nervios e o cansazo fixeron que as diferenzas acabasen sendo importantes, pero os rapaces souberon estar sobre a pista dando a cara en todo momento.
Xogador por xogador:
Dani Carrera: segue a ter problemas na defensa de xente que ten máis forza, precisa ter máis decisión e intentar facer cousas. Proba diso foi o seu 2+1, unha canastra espectacular, caendo por liña de fondo. Onte comezou a coller rebotes... paso a paso.
Dani Pérez: na súa liña, segue a fallar moitos tiros, aínda así é moi efectivo. Onte foi o que máis intentou correr en contraataque.
Jaime: gran partido, dedicándose a mellorar a súa defensa e a apoiar ao equipo en ataque. Houbo momentos nos que foi fundamental para transmitir calma.
Borja: coma sempre, o de sempre, cando xoga calmado, pensando, ten unha claridade de ideas excepcional. Cando quere facer as cousas rápido precipítase e comete erros.
Lizarralde: Un catarro e unha ferida no ollo fixeron que saise a xogar só cando foi completamente necesario, durante dous ou tres minutos.
Alberto: entregado ao 200%, onte fixo unha tarde defensiva inmellorable, non obstante en ataque as cousas non rematan de saírlle. Cústalle recibir balóns claros, pero non desespera e os segue a buscar. Sen o seu traballo baixo aros o equipo o notaría.
Miguel Caruncho: Parece que o seu destino está en xogar unha serie fixa de minutos, onte foi protagonista dunha inexpliacable expulsión. A súa patada a un balón froito da desesperación foi unha acción fea, pero nin moito menos merecente dunha descalificación directa.
Adrián: Onte comezou a asumir o importante papel que pode ter. Como base ten moitos problemas á hora de subir o balón, malia todo onte asumiu un papel de escolta no que deixou a pel, literalmente, defendendo sobre o campo. Foi fundamental na defensa, obrigou aos seus compañeiros a defender e non perder a cara ao partido. Ofensivamente conseguiu ser máis comedido. Moi bo traballo.
O equipo rival: souberon aproveitar as nosas carencias na dirección do balón, defenderon a toda pista e aproveitaron a superioridade física, o que da proba da súa veteranía.
O equipo arbitral: boa arbitraxe durante 39 minutos de xogo.
O adestrador: Mal, o minuto que lle faltou ao equipo arbitral para facer un bo partido desquiciouno de xeito esaxerado. A defensa zonal dende o inicio foi, debido ao xogo do rival e a escaseza de efectivos, un acerto.
domingo 25 de noviembre de 2007
(In)xusta derrota

O comezo foi moi frío, o ambiente da mañá, o madrugón notouse nos dous equipos que desplegaron un xogo moi lento, os dous equipos preocupáronse de manter un ritmo baixo como toma de contacto co partido. Pero o partido foi aumentando as revolucións co paso dos minutos. En definitiva, malia o cansazo acumulado na noite do sábado^^, o partido acabou tendo momentos de moita intensidade que ambas as dúas escadras souberon afrontar con esforzo e entrega.
Con todo, chegouse a un final moi axustado, os dous equipos empatados ou con diferenzas de tan só un punto. No minuto final dous tiros libros errados e un bo triple do C.E. Sestelo, deixaronnos sen opcións, procurouse unha mal improvisada xogada final para conseguir unha boa opción de tiro exterior que rematou nun tiro improvisado e nun rebote que non soubemos aproveitar. O erro obrigounos a facer unha rápida falta que deixou o partido nunha diferenza de 6 puntos que, a falta de menos de 10 segundos, eran xa determinantes.
En resumo, moi bo partido pero un mal resultado, que deixa un sabor acedo. Pero o deporte e iso, a semana pasada soubemos controlar un partido igualado na súa fase final, esta semana tocounos o contrario, felicidades ao rival e nós a seguir traballando.
Xogador por xogador:
Alberto: Cada vez vai aportando máis, un reboteador ofensivo e moi bo anotador interior, na defensa fáltalle un punto de decisión e de confianza que vai recuperando, co tempo vai ter que asumir un papel moi importante no equipo. Gran traballo.
Jaime: Mal en canto a anotación, o entusiasmo fixolle procurar solucións en ataque onde non as había. Non obstante fixo un traballo do que normalmente só aprecian os adestradores, ocupou espazos, defendeu con moita intensidade e fixo un gran derroche de traballo na sombra. Os minutos na cancha foron boa proba de que fixo, neste aspecto, un bo partido.
Dani Carrera: Xogou pouco, segue a perder confianza no seu xogo e na súa defensa; probablemente é un dos xogadores con mellores condicións e que só precisa esquecerse de complexos e xogar dando todo o que ten. Se o consigue acabará sendo un xogador fundamental.
Lizarralde: Outra vez moi bo partido, a súa capacidade de traballo defensivo na pintura unida as súas cualidades para o roubo de balóns e para dar saída ao contraataque fan que sexa un xogador moi perigoso. Boa anotación.
Miguel Caruncho: Pouco a pouco vai encontrando o seu sitio, cada vez ten máis mobilidade en ataque e é un bo defensor. Os puntos acabaran chegando.
Adrián: Tamén, como Dani Carrera, xogou poucos minutos, pero hoxe fixo un moi bo papel, defendeu con intensidade e soubo repartir xogo, está na liña que debe seguir para acabar atopando o seu oco no equipo.
Borja: O peor que se pode dicir e que estaba frío e que tardou en despertar, o que se notou no campo, se noutros partidos foi un referente en ataque, hoxe foi un pouco máis comedido. En ataque, cando xoga con calma, transmite tranquilidade ao resto do equipo.
Dani Pérez: Como no partido anterior, en ayaque sempre está no seu lugar, coñece a posición onde é perigoso. Non obstante as porcentaxes de tiro cando está fronte a xente moi grande, baixan moito. En defensa cústalle moito defender a xente con máis peso e con máis envergadura.
Duni: Sen dúbida foi o xogador do partido, realizou un partido completo tanto en ataque como en defensa, roubou balóns, anotou puntos espectaculares e fundamentais, botou o equipo ás costas. Un 10.
O adestrador: un mal día, algúns cambios os fixo tarde. Non soubo arriscar nos cambios de defensa provocando que o rival se acomodara ao noso xogo defensivo. Ben no aspecto anímico, intentando que os rapaces desen todo. Mal nos aspectos técnicos como quedou comprobado no erro táctico nos segundos finais ao non idear unha xogada de ataque máis sinxela e compensada.
O equipo rival: bo partido con gran traballo dos seus homes interiores. A altura fixo moito dano. A defensa bastante zoneira fixo dano en momentos nos que nos faltaban ideas en ataque. O seu xogador máis veterano perdeu os nervios nun momento do partido, de sabios é rectificar e así o fixo ao final, por nós esquecido.
O equipo arbitral: Só había un árbitro e notouse, non prexudicou a ningún equipo, pero era imposible que estivese ben colocado en todo momento.
jueves 22 de noviembre de 2007
O CBLK CO DEPORTE BASE
Se queres que na túa páxina ou blog apareza este banner, podes incluilo de xeito sinxelo tal e como explicamos a continuación, e, dese modo, demostrarás de xeito simbólico o teu apoio ao deporte base.
Para incluír o banner na túa páxina/blog deberás copiar o código que vos mostramos:

<script src="http://www.motoskyoto.es/css/basket.js" type="text/javascript"> </script><noscript><a href="http://www.likorka.blogspot.com/"> Esta web apoia o deporte Base</a></noscript>
O noso código é unha versión do proxecto de aduaneiros sen fronteiras en apoio a Isaac Díaz Pardo, polo que o primeiro mérito é deles.